Arxis Ensemble

Arxis Ensemble

Arxis Ensemble é unha formación dedicada á exploración, difusión e interpretación do repertorio contemporáneo dos séculos XX e XXI. Co propósito de enriquecer activamente a escena musical actual, o conxunto centra o seu labor no diálogo entre as obras fundamentais do século pasado e as novas correntes da creación sonora contemporánea.

Integrado por intérpretes procedentes de distintas xeografías e traxectorias artísticas, Arxis Ensemble comparte un mesmo impulso: a especialización en música contemporánea adquirida nalgúns dos centros europeos máis influentes do panorama actual. Esta formación diversa e cosmopolita tradúcese nunha actividade marcada pola colaboración con compositores internacionais e o contacto con múltiples estéticas —dende o interdisciplinar e performativo ata a investigación instrumental máis avanzada—, sempre reinterpretadas desde unha ollada propia e plenamente actual.

Os membros do ensemble desenvolven a súa traxectoria nun momento de transición xeracional entre os grandes creadores da segunda metade do século XX e as voces emerxentes do XXI. O seu traballo tende pontes entre ambos séculos, combinando a busca da excelencia técnica coa asimilación dos procesos de experimentación sonora máis innovadores. Deste xeito, Arxis Ensemble revisita as obras do repertorio contemporáneo recente dende unha perspectiva sostible, proxectando novas lecturas e impulsando a vitalidade da música actual.

Durante a súa primeira tempada en 2022, Arxis Ensemble foi dirixido por Beat Furrer, con quen realizou a estrea en España da súa obra Akusmata, en colaboración co ensemble vocal austríaco Cantando Admont. Ademais, o conxunto contou con Aitor Vázquez Torres como director convidado e con Igor C. Silva como compositor residente, desenvolvendo diversas actividades e concertos arredor do centenario do nacemento de Iannis Xenakis, que culminaron coa interpretación do sexteto de percusión Pléïades no marco do V Festival RESIS de Música Contemporánea.

Dende 2023 e até a actualidade, Arxis participou nalgúns dos festivais de música contemporánea máis prestixiosos de España, entre eles ENSEMS, o Festival Internacional de Música de Canarias (Festival Contemporáneo) e RESIS, no cuxo marco se presenta anualmente como ensemble en residencia desde a súa fundación. A nivel internacional, destacan concertos na Real Academia de España en Roma, na Fundación Biermans Lapôtre de París, no festival Rathenower Tage für Neue Musik (Alemania) e no Festival Nuova Consonanza (Italia).

Neste contexto, Arxis Ensemble presentou numerosos estreas en España e en Galicia de obras dalgúns dos compositores e compositoras máis relevantes da actualidade, como Rebecca Saunders, Beat Furrer, Alberto Posadas, Sara Glojnarić, Helmut Lachenmann, Wolfgang Rihm, Rolf Riehm, Jacobo Gaspar e José Manuel López López, así como estreas absolutas de Hugo Gómez-Chao, Igor C. Silva e Claudia Cañamero, entre outros.

Ao longo da súa traxectoria, Arxis traballou con directores como Bas Wiegers, Beat Furrer, Armando Merino, Nacho de Paz, Aitor Sánchez Torres e Daniel Huertas, percorrendo escenarios como o Palau de Les Arts (València); o Espazo CajaCanarias (Santa Cruz de Tenerife); o Teatro Guiniguada (Las Palmas de Gran Canaria); o Kulturzentrum Rathenow (Brandeburgo, Alemaña); a Casa das Máquinas e a Cidade da Cultura (Santiago de Compostela); e, na Coruña, o Teatro Rosalía de Castro, o Castelo de San Antón, a Igrexa de Santiago, a Sala de Exposicións Palexco, o Teatro Colón, o Museo Domus, o Museo de Belas Artes e o Paraninfo do Reitorado da UDC.